Logo XacobeoLogo Marca Galicia
The Bodeguillas of Santiago de Compostela

Temas

Unha Ascensión diferente coa natureza como telón de fondo

10/05/2021 · Las Bodeguillas

Tras máis dun ano de silencio nas rúas, esta semana Santiago de Compostela encherase de música e ledicia, da man das celebracións da Ascensión. Aínda que coa pandemia e as medidas de seguridade e protección sempre en mente, do xoves 13 ao domingo 16, poderemos desfrutar de concertos, pasarrúas, alboradas, teatro, baile e moito máis. 

As festas da Ascensión, xunto co Apóstol, son un dos momentos máis agardados polos composteláns. Este ano, como non podía ser doutro modo, todas as citas coa cultura e tradición santiaguesa teñen como escenario principal a natureza e, por suposto, o Centro Histórico da cidade. 

As alboradas, a cargo da Asociación Cultural Muiñeiros do Sarela e Brañas de Andrés, darán comezo ás xornadas culturais este xoves. Tamén se poderá gozar de boa música, nun enclave privilexiado como é a Praza do Obradoiro, cos concertos de Andrés Suárez, Cepeda e Sidecars. Nesta mesma localización, actuarán as galegas De Vacas (venres), os cataláns María Arnal i Marcel Bagés (sábado) e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que interpretará “Unha noite de amor con Lela”. 

A Praza da Quintana será outra das localizacións nas que deleitarse con actuacións. O xoves, será a quenda da comparsa de Cabezudos (12.00 horas) e da actuación de Brincadeira, xunto coa Banda Municipal (19.30 horas) e, o venres, das formacións de baile tradicional Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, Brincadeira e Ultreia (12.00 horas).

A Alameda tamén será un dos centros neurálxicos das celebracións da Ascensión, posto que contará con numerosas citas coa cultura e a diversión: dende espectáculos infantís como “A gran viaxe” (Inventi Teatro), “Dona Barriga Verde” (Larraitz producións artísticas), “Rojo” (Mireia Miracle) e “A Corda” de Avelacirco, até o XLIV Torneo da Chave. 

Pola contra, se o que queremos é participar nunha experiencia que una a natureza coa literatura, os paseos guiados de Emilia Pardo Bazán e Estela e (Re)coñecendo a Xela Arias están feitos para nós.

Semella que paseniño e con sentido, voltamos á normalidade na nosa cidade. Se o desexades, podedes consultar a programación completa e os requisitos para acceder a todos estes eventos gratuítos aquí. Ademais, lembrámosvos que tamén podedes vir a festexar connosco: nos templos do bo comer e o bo beber.

¡Compártelo!