Logo XacobeoLogo Marca Galicia
As Bodeguillas de Santiago de Compostela

Temas

A familia das Bodeguillas cumprimos 35 anos xunto a vós

14/02/2022 · Las Bodeguillas

Semella que o tempo non pasa, mais cando botamos a ollada atrás, xa se sucederon trinta e cinco anos dende que decidimos iniciar a maior aventura das nosas vidas: abrir as portas das Bodeguillas que tantas alegrías nos teñen dado ao longo destas últimas tres décadas e ás que tan agradecidos lle estamos.

Para os clientes que máis anos levan con nós e os cales xa forman parte desta pequena gran familia das Bodeguillas, a historia sonaralles coñecida. O primeiro dos nosos establecementos en ver a luz foi o de San Roque, alá polo 19 de setembro de 1986, e con ela comezaron as comidas rodeadas de boas conversas. 

Malia que comezamos cunha carta de racións limitadas, o éxito foi innegable e, en 1993, abrimos o primeiro piso como restaurante e ampliamos unha carta que sempre estaría caracterizada pola comida de sempre mais cun pequeno toque vangardista.

Neste primeiro local forxouse o estilo e ambiente que máis tarde trasladaríamos ás outras dúas Bodeguillas. Partimos na busca dos lugares indicados para establecernos e, no 2005, abrimos a Bodeguilla de San Lázaro e, sete anos despois, a de Santa Marta.

San Lázaro

Como sempre nos gustou o bo comer e o bo beber, a Bodeguilla de San Lázaro ten sido anfitrión de todo tipo de actividades gastronómicas e culinarias como corte de xamón, elaboración de cocteis e catas do máis variadas como viño, aceite, whisky ou chocolates.

Ao pé do Camiño de Santiago, atópase esta moderna capela de culto epicúreo onde se mesturan xentes variopintas. Nela, o desfrute da cociña tradicional e sinxela, con finos e sutís toques vangardistas, está asegurada.

Santa Marta

A decoración minimalista e elegante é o punto diferencial da Bodeguilla de Santa Marta, na Avenida da Liberdade. Nela, ao igual que a anterior, destaca a carta variada de viños, con máis de 500 referencias, e a calidade dos seus produtos, cos platos elaborados coas carnes e pescados máis frescos. 

Dende o portal número 13 (que tanta sorte nos deu!) da Rúa de San Roque ata a de San Lázaro, pasando pola Avenida da Liberdade, forxouse un negocio familiar e para familias. Sen vós e o voso cariño nada tería sido posible.

¡Compártelo!