A próxima semana, do 26 ao 30 de outubro, o Teatro Principal de Compostela acolle unha nova edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL, organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Dende hai máis de vinte anos, o festival tende pontes entre Galicia e o mundo árabe a través do cine e da cultura e tense convertido nun espazo de encontro, reflexión e compromiso coa diversidade cultural.
Este 2026, a programación está dedicada ao cine palestino, baixo o lema “Existir é resistir”. A selección de filmes resulta unha invitación a achegarse a Palestina dende a súa propia ollada, poñendo o foco nas persoas e nunha cultura que continúa viva. Como di o director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, a memoria tamén é unha forma de resistencia, e cada película, canción, bordado e historia axudan a preservar a súa identidade.
A XXIV edición do certame comezará o luns 26 ás 20.00 horas, con The Voice of Hind Rajab, de Kaouther Ben Hania, nunha xornada inaugural con entrada de balde que contará cun coloquio con Motaz Malhees, actor protagonista. O martes 27 proxectarase Todos somos Gaza, o documental de Hernán Zin que preserva a memoria das vítimas a través do traballo de cineastas e xornalistas palestinos. O mércores 28, desfrutarase da ficción Palestine 36, de Annemarie Jacir, que retrata a rebelión contra o dominio británico na Palestina de 1936, e a sesión irá acompañada dun coloquio co actor Karim Anaya. O xoves 29 proxéctase Once Upon a Time in Gaza, dos irmáns xemelgos Tarzan e Arab Nasser, unha ficción ambientada na Gaza de 2007. E o venres 30 péchase o ciclo con All That’s Left of You, de Cherien Dabis, que percorre a historia de tres xeracións dunha familia palestina desde 1948 ata a actualidade. Todas as sesións das tardes de martes a venres comezan ás 21.00 horas.
Se che apetece desfrutar da XXIV Semana do Cinema Euroárabe AMAL, podes facerte coas túas entradas en ATaquilla ou no Teatro Principal. E logo da sesión de cine, non esquezas desfrutar dun bo bocado na nosa Bodeguilla.