Con setembro á volta da esquina, é o momento de ollar as novas propostas culturais que a cidade trae para nós. A chegada do novo mes non traerá consigo rúas ateigadas de universitarios que comezan un novo curso escolar, senón que tamén estarán ben cheíñas de arte, música e creación. Se estás de paso pola cidade ou vives aquí e buscas plans para as próximas semanas, ademais de visitarnos para alegrar o padal, hoxe falámosche de Plataforma, WOS e Maré, tres festivais que non deberías perder de vista.
Do 2 ao 6 de setembro, chega a sétima edición do Festival Plataforma, dedicado ás artes performativas. Organizado pola Cooperativa Performa, este festival aposta por unha programación híbrida, cunha importante presenza feminina e un firme compromiso co talento galego. A coreógrafa Olga de Soto abre o festival o día 2 na Sala Agustín Magán co estreo de Algo se cruza en las palabras al excavar bajo los pies, e ao longo dos cinco días o cartel suma nomes como María Ruido, Leonor Leal, Óscar Gómez Mata, Juan Loriente ou Ana Gesto, en espazos tan diversos como o Observatorio Astronómico da USC, o Centro Sociocultural Santa Marta ou as propias rúas do casco vello. Boa parte das propostas teñen entrada libre até completar aforo, aínda que algunhas sesións requiren entrada de pago consultable na web oficial.
Apenas unha semana despois, do 11 ao 13 de setembro, Compostela cambia de rexistro coa chegada da novena edición do WOS Festival, impulsado pola produtora compostelá Work On Sunday xunto a SON Estrella Galicia. O festival ocupa igrexas, teatros, edificios patrimoniais e espazos singulares do casco histórico como a Sala Capitol, a Praza de Abastos, o Salón Teatro ou o CGAC, cun cartel de 26 proxectos artísticos. Entre as propostas destacan os concertos audiovisuais de Paul Jebanasam, Slikback, Space Afrika, Visible Cloaks e Yu Su, o estreo mundial de Blood of Aza, e as sesións DJ de Lee Gamble, Mor Elian, JASSS e gyrofield. Os Weekend Pass xa están á venda a través da web oficial, Ataquilla e Ingresse; as entradas de xornada única anunciaranse nas vindeiras semanas.
O peche de mes chega coa cita máis multitudinaria das tres: a sétima edición do Festival Maré, de Artes e Músicas Atlánticas, que se celebra do 23 ao 27 de setembro. Maré contará con máis de trinta espectáculos con artistas de máis de dezaseis países e presenza de doce linguas. O Teatro Principal e a Sala Capitol concentran o groso da programación: alí actuarán Magalí Sare e Vox Stellae (23 setembro), Aterciopelados (23 setembro), Haydée Milanés & Javier Colina (24 setembro), Bia Ferreira (24 setembro), o compostelán Marcos Coll presentando o seu disco Ronsel (25 setembro), Omar Souleyman (25 setembro) e ALA.NI (26 setembro). Así mesmo, lugares como o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, a Casa das Crechas ou a Praza de Mazarelos tamén acollerán actuacións, as cales, neste caso, serán de balde.
Estes tres festivais demostran ser tres maneiras distintas de vivir a cultura. Escolle a túa favorita e non esquezas de pechar o día cunha boa mesa en calquera das nosas Bodeguillas.